venres, 19 de xuño de 2020

Vídeo Fin de curso 2019 - 2020


Despedímonos de este curso escolar cun VÍDEO DE DESPEDIDA, que podedes ver no Facebook do centro, lembrando algún dos momentos compartidos durante este curso académico e cunha mención especial aos nenos e nenas de 5 anos, que tamén se despiden da etapa. 

Todo o equipo do Tino Grandío e, en especial, as vosas profes María, Paula e Olalla botarémosvos moito de menos e desexamos que teñades un fantástico verán, que o merecedes polo moito que traballáchedes e o ben que vos portastes durante todo este tempo.

Un biquiño enorme e a desfrutar das vacacións!

Recopilatorio de Confinamento en Movemento

A continuación, deixámosvos un recopilatorio de todos os retos de Confinamento en Movemento e dos vídeos coas vosas respostas, subidas á páxina de Facebook do centro, para que os desfrutedes todas as veces que queirades.



Retos dos profes Cristian e Paula:


Respostas dos retos feitos polas familias e presentados polas profes Himani e Belén:

  1.  Resposta reto 1: a árbore
  2.  Resposta reto 2: torre de papel hixiénico
  3.  Resposta reto 3: pesca de tapóns.
  4.  Resposta reto 4: a bolboreta
  5.  Resposta reto 5: ensartamos pasta.
  6.  Resposta reto 6: a vasoira.
  7.  Resposta reto 7: circuito soprado.
  8.  Resposta retos 8 e 9: agarres cos pés e circuito.

Moitísimas grazas por toda a vosa colaboración e implicación estas semanas. Agora, a desfrutar do desconfinamento! 


xoves, 18 de xuño de 2020

Ordena as teclas do piano

Hoxe propoñemos practicar os números cun xogo interactivo no que os nenos e nenas deberán ordenar os números do un ao dez.

Para acceder ao xogo, clicade AQUÍ e, despois de que cargue o xogo, pulsade na bandeira verde.

Podedes comezar colocando os números en orden ascendente do 1 ao 10. Os nenos e nenas de catro e cinco anos, poden intentar repetir o xogo colocándoos en orden descendente (empezando colocando o 10 ata o 1). Por último, os nenos e nenas de 5 anos poden intentar ir colocando no seu sitio os diferentes números, pero sen seguir a orde (por exemplo, primeiro buscamos o sitio do 4, logo do 7, do 2... ata cubrir todos os ocos). 

Esperamos que vos guste!

mércores, 17 de xuño de 2020

Data e horario de entrega de material

O luns 22 de xuño as mestras de educación infantil entregarán o material co seguinte horario:

  • De 10 a 11 horas entrega de material da aula de 4º de educación infantil (3 anos).
  • De 11 a 12 horas entrega de material da aula de 6º de educación infantil (5 anos).
  • De 12 a 13 horas entrega de material da aula de 5º de educación infantil (4 anos).

 

Forma de recollida:

- As familias entrarán pola porta central do centro (a porta que corresponde ao patio de infantil)

- Só pode entrar unha persoa por familia e no caso de que houbese alguén na aula deben esperar fóra ata que o chame a titora.

- Deberán traer posta a mascarilla e lavar as man con hidroxel que teremos a disposición na entrada.

Xogamos coas cartas

A maioría temos na casa unha baralla, con ela podemos facer moitos xogos numéricos.    
 
Podemos clasificar os paos e as cartas de maior a menor.
 
 
 
 
 
 
Ou tamén xogar a ver quen saca o número maior. 
 
 
 
Que vos parece  se probades a xogar con ela?
 

martes, 16 de xuño de 2020

Videochamada de despedida

Esta semana é a última semana de clases e non podíamos rematar sen vernos as caras unha última vez, aínda que sexa pola pantalla.

Por iso, convidámosvos este xoves ás 5 da tarde a ter unha videochamada grupal de curso a través de Cisco Webex Meetings.

O procedimento é moi sinxelo, tan só tedes que descargar antes desa data, no voso móbil ou nunha tableta a aplicación,  que tamén podedes atopar AQUÍ.

Unha vez descargado,non fai falta rexistrarse, tan só premer en UNIRSE A LA REUNIÓN (tal como se ve na foto).
A continuación deberedes poñer o código correspondente a vosa aula, onde pon Número de reunión o URL e, finalmente, premer en UNIRSE

Os códigos para cada unha das aulas serán:

Aula de 3 anos coa profe María: 163 870 3637

Aula de 4 anos coa profe Paula: 843 338 486

Aula de 5 anos coa profe Olalla: 163 171 7562


Esperamos vervos o xoves!






Xogamos ás adiviñas?

Hoxe propoñemos un xogo de adeviñas de animais de Kalandraka.

Se queredes xogar só tedes que clicar AQUÍ, darlle play ao vídeo e escoitar moi atentos para intentar acertar o animal antes de que se diga a solución.

A divertirse!

luns, 15 de xuño de 2020

Confinamento en movemento: a despedida

Chegamos á ultima semana do curso e con ela á despedida de Confinamento en Movemento (que xa non estamos en confinamento!).

Pero... Pensabades que vos íades a librar de realizar un último reto?
Para chegar ao vídeo de despedida antes teredes que superar un reto interactivo ao que podedes acceder clicando AQUÍ. 

Notas: se errades algunha  proba e volvedes ao índice non tedes que empezar dende o principio, podedes atallar premendo nos debuxos das probas que aparecen no mesmo índice.
Tamén é mellor velo co móbil tumbado e non usar as frechas que aparecen nos cadrados (si as dos círculos e avanzar así e acertando as preguntas).

Solución do reto:

 

Moitísimas grazas por toda a vosa colaboración e implicación cos retos, pasámolo xenial!

A polo reto!


venres, 12 de xuño de 2020

Día Nacional da Lingua de Signos

 O día 14 de xuño celébrase o Día Nacional da Lingua de Signos, e imos celebralo recordando algúns dos signos que aprendimos no cole e desfrutando dunha curtametraxe protagonizada por un neno xordo que, coa axuda dos seus amigos, rompe as barreiras da comunicación.



A curtametraxe El Sueño de Pedro:

E unha canción interpretada por uns nenos e nenas de infantil:

Desfrutade da fin de semana!


xoves, 11 de xuño de 2020

O xogo da memoria dos Bolechas

Hoxe propoñemos un xogo interactivo para mellorar a atención e a percepción visual, un memory cuns dos nosos personaxes favoritos, Os Bolechas.


Podedes acceder ao xogo AQUÍ. E tedes varios niveis para probar a vosa memoria.

Esperamos que vos guste!

mércores, 10 de xuño de 2020

OS NÚMEROS DE TELÉFONO

A proposta de hoxe consiste en facer nun folio a plantilla dun teléfono, como o que vedes, e unha vez feita xogamos a chamar´. Podemos utilizar números inventados ou de familiares e amigos o que máis vos apeteza.  Os nenos e nenas de cinco , para facer un pouco máis complicada a actividade,  poden ver o número, memorizalo e márcalo no teléfono.
 
 
 

martes, 9 de xuño de 2020

Palabras encadenadas

Para hoxe propoñémosvos un xogo para o que non precisamos ningún material, tan só un ou varios compañeiros de xogo e moita imaxinación.

O primeiro xogador di unha palabra, por exemplo: vasoira. O segundo xogador terá que pensar unha palabra que comece por A, xa que a palabra anterior remataba por esa letra.

Continúa o xogo ata que un dos xogadores repite alguna palabra que xa fora dita anteriormente, é aí cando queda eliminado.

Esperamos que vos divirtades moito!


luns, 8 de xuño de 2020

Confinamento en movemento: último reto

Neste noveno episodio o profe Cristian preséntanos o último reto, un circuito psicomotor con varios niveis que podedes adaptar, mesturar ou incluso inventar pasos para facer o voso propio circuito. Pero o que queremos é que, co circuito que sexa, participedes para poder vervos unha última vez neste curso. 


Moitas grazas por toda a participación e colaboración destas semanas e non vos esquezades de enviar, por última vez, antes do domingo, os vosos retos a guntin.infantil@gmail.com (mellor gravados co móbil tumbado).

E estade atentos a próxima semana, que aínda que non de tempo a propoñer un novo reto para que enviedes, haberá unha sorpresa.

A polo reto!


Solución do reto:




venres, 5 de xuño de 2020

Día Mundial do Medio Ambiente

 Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, propoñemos unha actividade de investigación e observación: a xerminación de lentellas.
 Para poder realizala necesitamos un vaso de plástico, para poder observar o proceso, algodón e lentellas.
 



 
O que debemos facer é humedecer o algodón con auga e metelo no vaso e a continuación esparexer lentellas. É necesario humedecer o vaso cada dous días.
E pouco a pouco veremos como vai evolucionando o crecemento da lentellas.
A continuación vedes como van medrando despois de cinco días da xerminación.
Animádesvos a  a observar o proceso e coidar a planta?

 

mércores, 3 de xuño de 2020

A xogar coas luvas!

Agora que dispoñemos de luvas na casa, que vos parece se as enchemos de lentellas , fariña ou terra e xogamos a representar os números como vedes nos exemplos?

Para tres anos podemos representar os números do 1 ao 5.






En catro xa podemos usar dúas luvas e representar os números do 1 ao 10.


E en cinco , como a actividade anterior xa está controlada podemos aproveitar para facer restas.







Esperamos que vos guste a idea!

martes, 2 de xuño de 2020

Golpea a letra

Para realizar este xogo necesitaredes cartolina ou papel, algo para escribir e unha pelota.

Primeiro trazamos letras maiúsculas ou minúsculas nun papel ou cartolina e as pegamos sobre unha parede.

O xogo consiste en golpear a letra, que nos indique o adulto, coa axuda dunha pelota.




Esperamos que vos guste!

luns, 1 de xuño de 2020

Confinamento en movemento: agarres cos pés

Aquí chega o reto número oito do profe Cristian!

Hoxe a cousa vai de pés así que ide buscando obxectos que sexades capaces de coller só cos pés (algúns máis doados e outros máis difíciles).



E coma sempre, non vos esquezades de enviar os vosos retos (mellor gravados co móbil tumbado) antes do domingo a guntin.infantil@gmail.com para que o profe Cristian realice un vídeo con todos eles. Queremos vervos a todos!

A polo reto!